Saltar ao contido

Dirham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dirham
درهم مغربي (árabe)
Código:MAD
Ámbito: Marrocos
Sáhara Occidental
Símbolo:د.م.
Fracción:100 santim
Moedas:5, 10 e 20 santimat, 1/2, 1, 2, 5 e 10 dirham
Billetes:10, 20, 50, 100 e 200 dirham
Emisor:Bank Al-Maghrib
Taxa de troco:
27-03-2010
1 EUR = 11,2552 MAD
1 USD = 8,393 MAD
Troco actual

O dírham[1] (en árabe درهم, pl.: درهمان , دراهم ou درهما‎) é a moeda oficial do Reino de Marrocos. A forma plural é darahim, aínda que en francés emprégase a forma dirhams. O seu código ISO 4217 é MAD. Divídese en 100 céntimos (santimat, en árabe سنتيما o سنتيمات) (sing. santim, en árabe سنتيم). O Bank Al-Maghrib encárgase de emitir os billetes e as moedas. Segundo as leis marroquís, está prohibido sacar moedas e billetes do país.

Antes da introdución do novo sistema monetario en 1882, Marrocos acuñou moedas de cobre (felus), dirhams de prata e benduqi de ouro. Dende 1882, o dirham foi unha división do rial marroquí (10 dirhams = 1 rial)

Logo dos protectorados español e francés, Marrocos volveu introducir o dirham en 1960, substituíndo ao franco, aínda que non deixou de circular totalmente ata 1974.

En 1960 acuñáronse moedas de 1 dirham de prata, seguidas por denominacións de 1 e 5 dirhams de níquel en 1965. En 1974, coa aparición do santim, iniciouse un novo sistema monetario en denominacións de 1, 5, 10, 20 e 50 santimat e 1 dirham. As moedas de 1 santim eran de aluminio, as de 5, 10 e 20 santimat de bronce-aluminio e as demais de cuproníquel. En 1980 engadiuse un novo tipo de moeda de 5 dirhams que foi substituído por unha moeda bimetálica do mesmo valor en 1987. En 1995 engadiuse outra moeda bimetálica de 10 dirhams.

A serie de moedas actualmente en circulación foron acuñadas no 2002, substituíndo progresivamente á anterior serie emitida co busto do rei Hassan II. As moedas de 5 e 10 Dirhams son bimetálicas e as moedas de 1 santimat deixaron de ser acuñadas aínda que non foron retiradas oficialmente da circulación. Tamén en 2002 se introduciu un novo valor correspondente a 2 dirhams. Estas son as características da última serie de moedas que se encontran en circulación:

Denominación Período de circulación Metal Diámetro (mm.) Peso (gr.) Anverso Reverso Imaxe
Anel Centro
5 santimat 2002 Bronce-Aluminio 17,50 2,00 Escudo de armas real Valor facial e flor
10 Santimat 2002 Bronce-Aluminio 20,00 3,00 Escudo de armas real Valor facial e figura humana en pista de atletismo
20 Santimat 2002 Bronce-Aluminio 23,00 4,00 Escudo de armas real Valor facial e capitel
½ Dirham 2002 Cuproníquel 21,00 4,00 Escudo de armas real Valor facial e satélite de telecomunicacións
1 Dirham 2002 Cuproníquel 24,00 6,00 Retrato do rei Mohamed VI Valor facial e escudo de armas real
2 Dirhams 2002 Cuproníquel 26,00 7,00 Retrato do rei Mohamed VI Valor facial e escudo de armas real
5 Dirhams 2002 Cuproníquel Bronce-Aluminio 26,20 6,80 Retrato do rei Mohamed VI Valor facial e escudo de armas real
10 Dirhams 2002 Bronce-Aluminio Cuproníquel 28,00 12,00 Retrato do rei Mohamed VI Valor facial e escudo de armas real

Os primeiros billetes impresos con denominacións en dirhams eran sobreimpresións dos primeiros billetes en francos, con denominacións de 50 dirhams (sobre os antigos 5.000 francos) e 100 dirhams (sobre os antigos 10.000 francos). En 1965 emitíronse novos billetes de 5, 10 e 50 dirhams. En 1970 introducíronse os billetes de 100 dirhams, seguidos das denominacións de 200 dirhams en 1991 e 20 dirhams en 1996. Os billetes de 5 dirhams substituíronse por moedas en 1980, e o mesmo pasou en 1995 cos de 10 dirhams.

A nova serie de billetes emitida baixo o actual reinado de Mohamed VI convive coa do seu pai, o anterior rei Hassan II, ámbalas dúas poden verse en circulación con relativa facilidade, aínda que os billetes emitidos polo monarca predecesor están sendo retirados polos bancos e substituídos polos novos paulatinamente. As cores das dúas series permanecen invariables, tan só os deseños se alteraron coa efixie do novo monarca ademais de estar impresos cun deseño gráfico máis actual e cunhas novas medidas de seguridade máis modernas.

Series de 2002-2005
Denominación Efixie Cor predominante Dimensións Imaxe do anverso Imaxe do reverso
20 Dirhams Mohamed VI Violeta 70 x 140 mm
50 Dirhams Mohamed VI Verde 70 x 147 mm
100 Dirhams Mohamed VI e Hassan II Vermello 78 x 150 mm
200 Dirhams Mohamed VI e Hassan II Azul 78 x 158 mm
  1. "dírham". TERGAL. Consultado o 26/12/2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]